Onte, o alcalde do Concello de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, e a empresa SINERGIAS SOSTENIBLES RESIFOREST, SL representada por Érika Martínez Carreira, asinaron un contrato que posibilita a esta empresa a explotación resineira dos pinos existentes nunha parcela municipal emprazada no parque empresarial CC1-1ª fase, nas inmediacións do Campo de Fútbol e próxima ao tanatorio-crematorio de Outeiro de Rei.

Esta iniciativa xurdiu a raíz dun curso promovido nos meses de marzo e abril polo ente local, CURSO SOBRE TÉCNICAS DE APROVEITAMENTO RESINEIRO, que foi impartido pola citada empresa realizándose as prácticas do mesmo na referida parcela. Grazas a este contrato, calquera persoa interesada no tema pode visitar esta parcela e comprobar os traballos de extracción de resina que se extenderán ata os meses de outubro ou novembro, estando previsto que este convenio se poida prorrogar por outras dúas campañas máis.