O Concello de Outeiro de Rei abre o prazo de solicitude para poder participar durante o curso escolar 2019/2020 nas seguintes iniciativas incluídas dentro do Programa Municipal de Conciliación Familiar e Apoio á Educación:

  • OUTEIRO MADRUGADOR e OUTEIRO TARDES

Estas iniciativas están dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos de idade, empadroados no Concello de Outeiro de Rei ou matriculados no CEIP Laverde Ruiz; ambas iniciativas pretenden axudar aos pais/nais que traballan ou que por outras razóns necesitan deixar aos seus fillos/as atendidos antes e/ou despois da xornada lectiva.

OUTEIRO MADRUGADOR. Iniciativa que funciona dende as 7:45 h ata a entrada dos nen@s no colexio. A cota para poder beneficiarse deste servizo durante todo o curso escolar está establecida en 50 €/anuais.

OUTEIRO TARDES. Servizo que funciona en horario de 16:00 h a 20:00 h (este horario adaptarase ao remate da xornada escolar); a cota para participar nesta iniciativa é de 15 €/mes a aboar na primeira quincena do mes anterior (a excepción da cota de setembro que se paga en xuño).

Para ser usuario de calquera destas iniciativas é preciso realizar a inscrición e aboar as correspondentes cotas na biblioteca municipal de Outeiro de Rei en horario de 10:30 h a 13:00 h. O prazo permanecerá aberto ata o día 17 de xuño.

OUTEIRO LÚDICO. Iniciativa incluída dentro do programa de conciliación familiar promovido polo Concello de Outeiro de Rei. Tratase dun servizo de atención infantil para nenos/as de Outeiro de Rei con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que ten por obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral nos períodos correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, S. Santa e verán (no mes de agosto condicionado ao que se di no seguinte parágrafo) estendéndose tamén aos días non lectivos existentes no calendario escolar do CEIP Laverde Ruíz. O horario de funcionamento deste servizo establecese de 7:45 h a 20:00 h (estes horarios poderán sufrir variacións en función da demanda que exista). A cota a aboar nesta actividade será de 60 € anuais repartidos en 2 prazos. O primeiro a aboar no momento da inscrición (30 €, 1ª quincena de novembro) e o 2º a aboar ata o 15 de xuño.

MES DE AGOSTO. Outeiro Lúdico funciona tamén en agosto cunha cota de 30 € e horario de 7:45 h a 20:00 h.

DÍAS SOLTOS. Nas iniciativas Outeiro Lúdico, Outeiro Tardes e Outeiro Madrugador o Concello de Outeiro de Rei ofrece a posibilidade de utilizar estes servizos, sempre que exista praza, por días soltos; para este suposto a cota será de 5 €/día.

Igualmente, sempre que exista dispoñibilidade de praza, poderanse incorporar novos usuarios a calquera destas iniciativas fóra dos prazos de inscrición previstos; nestes casos será preciso aboar a totalidade da cota anual establecida para a actividade a excepción da iniciativa OUTEIRO TARDES onde se pagará a mensualidade completa dende o primeiro mes de incorporación (con independencia da data na que se produza).

Ademais, pensando nas necesidades dos pais/nais con fill@s que se incorporen este curso ao colexio, o Concello de Outeiro de Rei ofrece as seguintes posibilidades para o mes de setembro:

  • Posibilidade de incorporación á iniciativa Outeiro Lúdico ata o inicio do curso escolar. Prezo: 15 €
  • PERÍODO DE ADAPTACIÓN. Posibilidade de acollemento d@s nen@s en horario de mañá mentres dure o período de adaptación establecido para 4º de Infantil. Prezo: 15 €.