O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e persoal técnico do Concello, realizaron este martes a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2023.
Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 8 de marzo para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:
⇒ PREVENCIÓN E CONTROL DO ESTRÉS E DA ANSIEDADE. TÉCNICAS DE RELAXACIÓN
Impartido pola psicóloga TANIA MERELAS IGLESIAS neste obradoiro se traballarán estratexias para a identificación e o manexo do estrés co obxectivo de mellorar a saúde e benestar emocional. Serán 9 sesións de dúas horas cada unha e entre os contidos que se abordarán están os seguintes:
– O autocoñecemento, para identificar os elementos ou fontes de estrés.
– Autoestima, para valorar as propias capacidades e ferramentas para abordar o estrés.
– Ferramentas resilientes para enfrontar o estrés.
– O bo trato como camiño de vida.
⇒ USO LIBRE DE ORDENADORES E INTERNET CON ACOMPAÑAMENTO PARA RESOLVER DÚBIDAS
A tecnoloxía avanza enormemente e cada vez son maiores os retos aos que temos que facer fronte no día a día desde o punto de vista do uso da internet e dos ordenadores e dos diferentes dispositivos ao noso alcance.
Persoal técnico de Academia Postal atenderá e resolverá as dúbidas das persoas que desexen achegarse á aula informática nas mañás dos sábados do 18 de marzo ao 13 de maio; pódese asistir sempre previa reserva de praza no tfno. da Casa da Cultura (982 393 408), establecéndose para esta actividade, con independencia do número de sesións ás que se asista, unha única cota de 10 €.
Será un bo momento para resolver calquera dúbida que poidamos ter no noso día a día ou de explorar novos temas que nos poidan interesar (banca electrónica, sinatura electrónica, declaración da renda, comercio electrónico,consellos de seguridade na rede, etc.).
⇒ OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE CONSERVAS DE FROITAS, VERDURAS E ESCABECHES
Obradoiro impartido por Amparo Grandío Rodríguez.
A partir duns coñecementos básicos sobre técnicas de envasado e de esterilización, este obradoiro terá como obxectivo aprender a transformar produtos agrarios a través de métodos artesáns co ánimo de poder aproveitar mellor as pequenas producións domésticas. Está prevista a realización de salazóns, conservas con vinagre, conservas agridoces, verduras ao natural, conservación de alimentos cociñados e tamén destinar unha sesión á conxelación.
⇒ OBRADOIRO DE ARTE FLORAL
Ao longo de catro sesións as participantes aprenderán a realizar diferentes centros e amaños florais, entre eles un ramo en espiral de flor natural que querendo pode converterse nun ramo de flor seca, un centro plano, unha diadema de flor fresca e unha coroa de Nadal.
⇒ DE FEIRA Á SEMANA VERDE DE SILLEDA
Nesta feira multisectorial poderemos atopar un escaparate único con variedade de produtos: alimentación, turismo, caza, pesca e natureza. Ademais estarán representados sectores como a gandería, bioenerxía e pequena maquinaria, mobiliario e artesanía. Outro atractivo é o amplo programa de actividades.
Por outro lado, con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER o 8 de marzo e trala boa experiencia do ano pasado que permitiu coñecer a 8 mulleres do municipio, ver a diversidade na que viven tanto no que se refire ao mundo laboral como aos distintos puntos de vista e as percepcións que teñen sobre a igualdade, o Concello de Outeiro de Rei volve a repetir esta iniciativa pero dándolle un xiro e pretendendo facer unha homenaxe nesta edición ás mulleres maiores do municipio, mulleres inspiradoras doutras moitas, mulleres que abriron camiño, o camiño que hoxe pisamos todas.
Este vídeo estase realizando nestas datas pola empresa outeiresa de comunicación BuleBule.
A programación prevista para 2023 completarase, xa no segundo semestre do ano, coas actividades:
TECENDO CON FIBRAS VEXETAIS, TAICHI, PRODUTOS DE LIMPEZA ECOLÓXICOS e para conmemorar o 25N, ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.
Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.