Hoxe, día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e dende o Concello de Outeiro de Rei queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.
Por estas datas temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia, sen esquecer ás súas familias e amizades que sofren o impacto estremecedor da violencia contra un ser querido.
Tampouco podemos esquecer ás mulleres que están a sufrir calquera tipo de violencia contra elas, non están soas e da violencia de xénero, por difícil que pareza, pódese saír.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza a data 17/11/2025, 38 mortes de mulleres, 2 delas en Galicia; máis do 80% destas mulleres convivían co seu asasino e soamente en 9 destas 38 mulleres hai constancia institucional de violencia de xénero.
A violencia de xénero ten outras vítimas: os nenos e nenas menores de idade. No que vai de ano hai 3 menores mortos por violencia vicaria e quedando orfos/orfas 17 menores de idade.
Miles de chamadas rexistradas ao longo do ano ao 016 e a outros teléfonos e servizos, miles de denuncias por violencia de xénero (dende 2004 máis de 2,8 millóns de denuncias); no segundo trimestre do ano, último período do que hai datos, presentáronse 570 denuncias diarias, datos que non deixan de medrar e que falan da necesidade de seguir tomando conciencia da lacra que supón esta violencia; como sociedade debemos implicarnos e rexeitar calquera tipo de comportamento violento e traballar na prevención e erradicación da violencia machista.
En moitas ocasións, aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar. Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
| Teléfono da muller de Galicia | 900 400 273 |
| Atención telefónica a vítimas de malos tratos | 016 |
| Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei | 982 393 281 |
| Atención por Whatsapp a vítimas de malos tratos | 600 000 016 |
| Atención online a vítimas de malos tratos | 016-online@igualdad.gob.es |
| Teléfono de urxencias | 112 |
| ATENPRO (Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas de violencia contra as mulleres) | 900 222 292 |
| Atención psicolóxica a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) | 629 777 595 |
| Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) | 982 294 735 |
Ademais, en caso de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: Policía Nacional (091) e Garda Civil (062).
Igualmente, ante unha situación de perigo pódese usar a aplicación ALERTCOPS, que permite enviar unha sinal de alerta á policía con xeolocalización; todos estes medios poden ser usados polas vítimas pero tamén por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero; calquera persoa coñecedora está obrigada a alertar e poñelo en coñecemento das autoridades, pensando sempre que podemos estar evitando un delito e incluso un asasinato; a indiferenza e o silencio non son, non poden ser unha opción.

