Hoxe, día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e un ano máis, dende o Concello de Outeiro de Rei, queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.
Por estas datas temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia, sen esquecer ás súas familias e amizades.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza 37 mortes de mulleres, unha delas en Galicia, ata o mes de novembro; nesta terrible cifra non se contabilizan os casos que están sendo investigados, co que o número real podería ser maior.
Tampouco debe esquecerse que a violencia de xénero ten outras vítimas: os/as menores de idade. No que vai de ano hai 5 menores mortos por esta violencia. Ademais, ata o momento, quedaron orfos 24 menores de idade por causa desta violencia.
Segundo o Portelo Estatístico da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, con data 30 de setembro xa se levan rexistradas 65 242 chamadas “pertinentes” ao teléfono 016, das cales, 2 691 realizáronse desde Galicia. O número de denuncias por violencia de xénero elevouse na mesma data ata as 75 722, 3 083 delas en Galicia.
Paralelamente, segundo datos do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero, entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 31 de outubro de 2020, hai 1 070 mulleres asasinadas en España por violencia de xénero a mans das súas parellas ou exparellas.
Ademais, a Macroenquisa sobre violencia contra a muller de 2019 realizada sobre unha mostra de 9 568 mulleres de 16 ou máis anos, publicada no año 2020 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, pon de manifesto o terrible alcance da violencia que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres. Unha de cada dúas mulleres (un 57,3%) residentes en España de 16 ou máis años sufriron violencia ao longo das súas vidas, e unha de cada cinco (un 19,8%) a sufriron nos últimos 12 meses, sendo as mulleres novas as que a padecen en maior medida ya que o 71,2% das mulleres de 16 a 24 anos e o 68,3% das mulleres de 25 a 34 anos sufriron algún tipo de violencia ao longo das súas vidas.
Datos tremendos que nos obrigan a tomar conciencia da lacra que supón a violencia de xénero e reflexionar; como sociedade debemos implicarnos e rexeitar calquera tipo de comportamento violento.
En moitas ocasións, aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar. Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Teléfono da muller de Galicia | 900 400 273 |
Atención telefónica a vítimas de malos tratos | 016 |
Atención por Whatsapp a vítimas de malos tratos | 600 000 016 |
Atención online a vítimas de malos tratos | 016-online@igualdad.gob.es |
Teléfono de urxencias | 112 |
Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) | 982 294 735 |
Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei | 982 393 281 |