Por estas datas temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia, sen esquecer ás súas familias e amizades.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero contabiliza 41 mortes ata o mes de novembro, unha delas en Galicia; nesta cifra non se contabilizan os casos que están sendo investigados, co que o número real podería ser maior.
Tampouco debe esquecerse que a violencia de xénero ten outras vítimas: os/as menores de idade. No que vai de ano hai 3 menores mortos por esta violencia. Ademais, ata o momento, quedaron orfos 23 menores de idade por causa desta violencia, un deles en Galicia.
Segundo o Portelo Estatístico da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, con data 30 de setembro xa se levan rexistradas 63437 chamadas “pertinentes” ao teléfono 016, das cales, 2495 realizáronse desde Galicia. O número de denuncias por violencia de xénero elevouse na mesma data ata as 70761, 2886 delas en Galicia.
Segue sendo preciso tomar conciencia da lacra que supón a violencia de xénero e reflexionar; como sociedade debemos implicarnos e rexeitar calquera tipo de comportamento violento.
En moitas ocasións, aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar. Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.
TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Teléfono da muller de Galicia | 900 400 273 |
Atención a vítimas de malos tratos | 016 |
Teléfono de urxencias | 112 |
Xulgado de Violencia de Xénero (Lugo) | 982 294 735 |
Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei | 982 393 281 |