O ESPAZO DE AUTORREPARACIÓN E INTERCAMBIO DE OBXECTOS situado ao carón do PUNTO LIMPO de Outeiro de Rei foi inaugurado onte ás 13:45 h pola Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, acompañada polo alcalde, José Pardo Lombao e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, entre outras autoridades.
Esta instalación municipal levouse a cabo polo Concello de Outeiro de Rei con cargo a axuda concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. O custo total do proxecto subvencionado foi de 37.839,74 €, sendo a achega da Xunta de Galicia ao mesmo dun total de 29.893,39 € e a do Concello de Outeiro de Rei de 7.946,35 €.
Este ESPAZO DE PREPARACIÓN PARA A REUTILIZACIÓN non se trata dun proxecto illado, senón que forma parte do PLAN DE MELLORA MEDIOAMBIENTAL DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, nunha aposta clara por levar a cabo un desenrolo sostible do concello.
Así, dentro desde plan de mellora medioambiental do Concello de Outeiro de Rei, xa se implantaron algunhas medidas como son a recollida separada da fracción orgánica dos residuos en grandes produtores e tamén no barrio piloto da Urbanización Santa Isabel. Esta recollida implantouse no Concello de Outeiro de Rei en decembro de 2019, sendo pioneiros na implantación da recollida diferenciada da fracción orgánica en Galicia.
Asemade, está previsto implantar ao longo do 2022 outras actuacións como son:
-
O incremento do número de contedores amarelos, en 100 unidades, mellorando deste xeito a recollida dos envases lixeiros.
-
Tamén está previsto continuar coa implantación da recollida diferenciada da fracción orgánica dos residuos, colocando máis contedores nas zonas de maior densidade de poboación e facendo importantes esforzos na concienciación medioambiental dos veciños e das veciñas para que fagan un uso correcto dos contedores marróns.
-
Para dar solución tamén ao residuo orgánico xerado nas zonas rurais está previsto poder repartir 50 composteiros e facer a correspondente formación para que estes composteiros sexan utilizados adecuadamente; a tal efecto, está solicitada unha subvención á Consellería de Medio Ambiente.
-
Do mesmo xeito, para a fomentar a separación en orixe dos aceites de cociña, colocaranse 40 contedores para a recollida deste residuo. Así, disporase de contedores para depositar o aceite de cociña usado en todas as parroquias do Concello de Outeiro de Rei.
Por outra banda, en canto ao que se vai poder facer no ESPAZO DE AUTORREPARACIÓN E INTERCAMBIO DE OBXECTOS:
Os veciños e veciñas do Concello de Outeiro de Rei poderán realizar aquí a reparación de diversos obxectos como poden ser mobles, pequenos electrodomésticos, xoguetes, etc., que teñan na súa casa, pero ademais existirá un espazo dedicado ao almacenamento de obxectos para o seu intercambio.
Esta instalación aproveitarase tamén para levar a cabo actuacións de sensibilización ambiental da cidadanía, cursos ou actividades de formación como as que xa se fixeron de restauración de mobles e reparación de xoguetes, etc.
Teléfono de información
657 257 005
Dirección
O ESPAZO DE AUTORREPARACIÓN E INTERCAMBIO DE OBXECTOS do Concello de Outeiro de Rei está situado na parcela do Punto Limpo en:
Parque Empresarial de Outeiro de Rei
Rúa Porto Prés, núm. 4
27150 Outeiro de Rei (Lugo)
Coordenadas: 43º 6’ 44’’ N, 7º 35’ 30’’ O
Horario
O espazo de autorreparación e intercambio de obxectos está aberto os venres en horario de 9:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 19:30 h.
TRIPTICO ESPAZO DE AUTORREPARACIÓN E INTERCAMBIO DE OBXECTOS