O Concello de Outeiro de Rei colgou na súa páxina web un vídeo das actividades levadas a cabo polo Concello no período xaneiro/outubro de 2020 que aparecen recollidas en oito bloques temáticos: conciliación familiar, formación, deportes, saúde, prevención de drogodependencias e promoción da igualdade, cultura, ocio e tempo libre e saídas e excursións.

O Concello ten costume de realizar todos os anos un vídeo resumen das actividades levadas a cabo, vídeo que se presenta ao público cando se realiza polo mes de outubro a presentación de actividades de inverno e o magosto; este ano, debido á situación sanitaria, a programación foise pospoñendo ata acadar unhas condicións favorables para poder desenvolver actividades e a presentación realizouse convocando á prensa o pasado 12 de marzo. O vídeo, que xa estaba realizado, difúndese con algunha pequena actualización a través desta web aproveitando a proximidade da Semana Santa na que moitos veciños e veciñas seguramente teñan algo de máis tempo de lecer para poder velo.