A XVI FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI que se celebra este sábado dia 6 de xullo, ofrecerá moitas opcións para gozar dese día, enumeramos algunha desas múltiples posibilidades:
EXPOSITORES
Para este sábado hai confirmados 92 postos repartidos nas seccións de artesanía, alimentación e outros postos e entidades.
A sección de artesanía oferta gran variedade de produtos (de cerámica, cestería, artesanía en madeira, traxe rexional, gancho e calceta, xoiaría, coiro, instrumentos de música, xoguetes, ferro, artesanía téxtil, decoración, cantaría, macramé, bolillos, manualidades, xabóns e cosmética natural, bixutaría, costura creativa, restauración de mobles etc… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.
Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:
- De olaría, realizadas por representantes de dúas importantes olarías de tradición de Galicia: Buño e Gundivós, situáranse na rúa Manuel María, no cruce coa rúa D.
- Do oficio de zoqueiro a cargo de Alberto Geada, situarase na rúa Manuel María no cruce coa rúa Z.
- A asociación Bolboretas fiandeiras realizará fiado de la e membros da asociación Corazóns artesáns exhibición de macramé e bolillos e seguro que algunha sorpresa máis (na rúa D).
- Varios expositores máis farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.
Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 20 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, distintas variedades de queixos, chocolates, conservas vexetais, mel, licores, diferentes tipos de fariñas, marmeladas, doces, allos de Vallelado, xeados etc..
Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos de 10:00 h a 21:00 h, acollerá tamén, OUTROS POSTOS E ENTIDADES, entre os que poderemos atopar:
- RESIDENCIA CANINA GARATUXA, residencia asentada na parroquia de Matela en Outeiro de Rei, situarase a partir das 13:00 h á entrada do Campo de Santa Isabel cun punto de adopción canina. O Concello de Outeiro de Rei mantén con esta empresa un convenio para a recollida e atención de cans abandonados. Durante toda a xornada as persoas que desexen ter un can terán durante a feira unha boa oportunidade pois as adopcións que se realicen ese día recibirán algún agasallo destinado á alimentación e coidado do can adoptado e poderán non ter ningún custe para a persoa que adopte se o can é un dos que o Concello de Outeiro de Rei teña nese momento en acollemento e a persoa interesada solicita a axuda de 100 € que ten aberta o Concello para fomentar a adopción de cans abandonados.
- VARIOS PUNTOS SOLIDARIOS para contribuír á recadación de fondos para distintos fins sociais.
No stand do Concello situarase a entidade MIRADAS AL MUNDO que busca recadar fondos para proxectos de desenvolvemento comunitario en zonas desfavorecidas de África.
Na rúa D terán un espazo as entidades DOG POINT e SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER.
No caso de DOG POINT, os pais de Rodri seguen a recadar fondos a través da venda de diferente merchandising, recadación que será ingresada na conta aberta para este neno pola entidade sen ánimo de lucro DOG POINT, especializada en adestramento, acollemento e seguimento de cans de servizo para nenos e nenas con TEA.
No caso de Somos Unidos por el Cáncer a recadación que se obteña servirá para axudar a pacientes con cáncer e aos seus entornos familiares: aloxamento temporal de enfermos e familias desprazadas, banco de perrucas, asesoramento de todo tipo…
ANDAINA SOLIDARIA.
A Asociación SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a III ANDAINA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI que sairá da Praza do Concello ás 10:30 h e cuxa recadación ira destinada integramente aos fins sociais da entidade.
De fácil percorrido, é unha actividade perfecta para empezar o día en Outeiro de Rei, gozando en familia, con amigos ou incluso facéndoos durante o percorrido de 6 km, nun entorno moi agradable; as persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, o custe é de 3 € e haberá que deixar constancia do ingreso no tfno. 636 511 928 achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: CARREIRA OUTEIRO. Tamén pódese realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello de Outeiro de Rei.
DEGUSTACIÓN GRATUÍTA
A Asociación Asoporcel, en colaboración co Concello de Outeiro de Rei, distribuirá gratuitamente a partir das 12:30 h nunha carpa instalada ao carón da Casa Consistorial 350 minihamburguesas realizadas con carne de porco celta.
EXHIBICIÓNS
No Campo de Santa Isabel terán lugar:
- A partir das 13:00 h, nas inmediacións do circuíto deportivo, EXHIBICIÓN DE FIGURISMO A CARGO DE MARCOS MARIÑO E YOSI FERVENZA actividade que seguro sorprenderá ao público e na que utilizando como materia prima a madeira e como ferramenta as motoserras, que ruxiran no Campo de Santa Isabel ao longo da xornada, estes artistas darán forma a unhas vistosas esculturas que se converteran finalmente nun fermoso banco de madeira.
- A partir das 13:00 h, CONCENTRACIÓN DE VEHÍCULOS CLÁSICOS na que se darán cita diferentes marcas de coches clásicos e de motos de Outeiro de Rei e de varios puntos de Galicia.
- Ás 17:15 h, neste caso na rúa Avda. Terra Chá, EXHIBICIÓN DE MINIMOTOS da Escola de Motocicilismo de Outeiro de Rei.
- Nas inmediacións da capela de Santa Isabel, ás 18:00 h terá lugar unha EXHIBICIÓN E ACTIVIDADE PARTICIPATIVA DE TIRO CON ARCO, a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade e na que pode participar calquera persoa interesada.
ACTIVIDADES E ESPECTÁCULOS
- A partir das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:
Na rúa D un obradoiro de maquillaxe e outro de modelado de barro e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:- DE XOGOS POPULARES (SOCATIRA, PITA CEGA, CARREIRA POPULAR DE SACOS, BOLOS CELTAS, 3 EN RAIA…)
- TALLER DE GLOBOFLEXIA
- TALLER DE MANUALIDADES
- XOGOS CON PARACAÍDAS
Ademais do divertido que pode resultar participar nestes xogos e talleres, os nenos e nenas participantes poderán obter algún que outro agasallo xentileza do Concello de Outeiro de Rei.
- Igualmente, para o público infantil, para as familias e amantes do ilusionismo en xeral está pensado o ESPECTÁCULO DE MAXIA a cargo de DAVID MÉNDEZ, situárase no atrio da igrexa parroquial ás 18:30 h.
- PASEOS EN KAIAK POLO RÍO MIÑO, en horario de 16:30 h a 19:30 h; esta actividade estará guiada polo club de piragüismo CIDADE DE LUGO e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
Todas estas actividades están promovidas polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.
ACTUACIÓNS MUSICAIS:
- Ás 12:00 h o Grupo de Gaitas Nubeiro de Lugo estará na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle.
- Ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a Banda Municipal de Música Sons e Soños dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Friol e Rábade.
- A partir das 17:30 h haberá animación musical polas rúas da feira a cargo de Nubeiro e do grupo de cantos de taberna Son de Outeiro.
BUS TURÍSTICO
O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Por este motivo está previsto que ás 17:30 h parta da vila un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:
- CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
- PENAS DE RODAS
- SALTO DO PIAGO
- IGREXA DE ROBRA
- CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.
E PARA COMER
a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o restaurante GONZÁLEZ ofrecerá a posibilidade de mercar o menú da feira ou escoller entre diferentes opcións como polbo, empanada, churrasco, tenreira asada, doces…
Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis.
O horario de comidas está previsto a partir das 13:30 h.
Este espazo natural é utilizado tamén por familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
AGASALLO DE CADERNOS
Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello uns cadernos que se poderán personalizar co nome da persoa que se desexe na caseta ca empresa Laser Lucus terá situada na rúa D. Para obtelas será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
SORTEO DE PREMIOS EN METÁLICO
Lembrar tamén que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de 30 premios de 50 € cada un deles; a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados quedará exposta durante esa noite na porta de acceso ao Concello de Outeiro de Rei e será difundida na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 12/07/2024. Pódense consultar as bases en https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2024/06/Bases-sorteo-premios-metalico-2024.pdf
Pero non marchen de Outeiro de Rei, aínda queda máis…. Para as persoas que desexen prolongar a súa estancia en Outeiro de Rei, e se cabe aínda máis, para os veciños e veciñas do municipio que este ano, tras uns anos de parón, volven a celebrar as súas tradicionais Festas de Santa Isabel, para todas as persoas que o desexen, o Concello de Outeiro de Rei promove a actuación na praza da vila da ORQUESTRA ESCAPARATE a partir das 22:30 h á que seguirá a actuación da ORQUESTRA ALIANZA incluídas ambas dentro do amplo programa das Festas de Santa Isabel que se prologarán ata o luns con diferentes actuacións e actividades froito do enorme traballo realizado pola comisión de festas da Asociación de Veciños Santa Isabel.
Ás 24:00 h, haberá a tradicional sesión de fogos artificiais coa que despediremos a décimo sexta edición da feira, quedando moita noite para seguir gozando da música e dunha longa fin de semana.
GOCEN CON NÓS DE TODAS ESTAS ACTIVIDADES PENSADAS PARA VOSTEDES E SEMPRE, SIEMPRE, BETI, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI J.