A XIV FEIRA DA ARTESANÍA DE OUTEIRO DE REI que se celebra este sábado dia 2 de xullo, ofrecerá moitas opcións para gozar dese día e ademais pretende que a xente que veña quede co desexo de volver para o ano que ven así que imos enumerar algunha desas múltiples posibilidades:
- Para este sábado hai confirmados 93 postos repartidos nas seccións de artesanía, alimentación e outros postos e entidades.
A sección de artesanía oferta gran variedade de produtos (de cerámica, cestería, artesanía en madeira, traxe rexional, gancho e calceta, xoiaría, coiro, instrumentos de música tradicional, xoguetes, ferro, artesanía téxtil, decoración, cantaría, macramé, bolillos, manualidades, xabóns e cosmética natural, bixutaría, costura creativa, etc… ). Tamén poderase mercar algunha que outra antigüidade testemuño do bo facer dos nosos antepasados.
Dentro desta sección están programadas ao longo da xornada varias demostracións en vivo de oficios:
-
- De olaría, realizadas por representantes de dúas importantes olarías de tradición de Galicia: Buño e Gundivós, (estas exhibicións cambian a súa localización tradicional e situáranse na rúa Manuel María, no cruce coa rúa D).
- Do oficio de ferreiro a cargo dun dos ferreiros de Mazonovo de Santa Eulalia de Oscos, situarase na rúa Manuel María no cruce coa rúa Z.
- A asociación Bolboretas fiandeiras realizará fiado de la e membros da asociación Corazóns artesáns con exhibición de macramé e bolillos e seguro que algunha sorpresa máis (na rúa D).
- Na rúa Manuel María, fronte á urbanización Santa Isabel, de torneado de madeira a cargo de Suso Tierra.
- No Campo de Santa Isabel o escultor Yosi fará exhibición de talla de madeira con motoserra.
- Varios expositores máis (de instrumentos musicais, pirograbado, cestería, coiro, calceta, gancho…), farán demostración nos seus postos do traballo que realizan diariamente.
Por outro lado, na sección de alimentación, na que hai admitidos 23 postos, atoparemos produtos de panadería, embutidos de León, distintas variedades de queixos, chocolates, mel, licores, vinagre de allo negro, fariña de castaña e castañas secas, marmeladas, doces, cereixas do Jerte, xeados etc..
Fóra destas seccións, a feira, cuxos postos estarán abertos ata as 21:00 h, acollerá tamén OUTROS POSTOS E ENTIDADES, entre elas:
RESIDENCIA CANINA GARATUXA, residencia asentada na parroquia de Matela en Outeiro de Rei, situarase a partir das 13:00 h á entrada do Campo de Santa Isabel cun punto de adopción canina. O Concello de Outeiro de Rei mantén con esta empresa un convenio para a recollida e atención de cans abandonados. Durante toda a xornada as persoas que desexen ter un can terán durante a feira unha boa oportunidade pois poderán adoptalo sen custe ningún e ademais recibirán varios agasallos destinados ao seu coidado e á alimentación dos primeiros días; ademais dalgunha sorpresiña máis. Neste punto tamén haberá xogos e pintafacianas para nen@s.
ONG MIRADAS AL MUNDO que estará situada na caseta do Concello de Outeiro de Rei que recadara fondos para proxectos en marcha a desenvolver en Guinea-Bisau.
- ANDAINA SOLIDARIA. A Asociación SOMOS UNIDOS POR EL CÁNCER en colaboración co Concello de Outeiro de Rei organiza a I ANDAINA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI que sairá da Praza do Concello ás 10:30 h e cuxa recadación ira destinada integramente aos fins sociais da entidade.
De fácil percorrido, é unha actividade perfecta para empezar o día en Outeiro de Rei, gozando en familia, con amigos ou incluso facéndoos durante o percorrido de 4,5 km, nun entorno moi agradable; as persoas interesadas en participar poderán realizar as súas inscricións realizando o pago da cota a través da plataforma Bizum, o custe é de 3 € e haberá que deixar constancia do ingreso no tfno. 636 511 928 achegando nome e apelidos, xustificante do ingreso xunto ao concepto: CARREIRA OUTEIRO. Tamén pódese realizar a inscrición media hora da saída, na Praza do Concello de Outeiro de Rei.
- II CAMPIONATO DE ESCULTORES CON MOTOSERRA DE OUTEIRO DE REI. Desenvolverase no Campo de Santa Isabel. Este ano este campionato veuse afectado pola coincidencia coa feira Galiforest polo que teremos un duelo entre dous escultores. Traballarán en horario de 12:00 h a 14:00 h e de 16:15 h a 18:15 h sobre troncos de madeira que se converterán, ben seguro, en fermosas esculturas cun nexo común, xa que a temática das obras deberá estar relacionada con algún oficio artesanal. O resultado da competición resolverase ás 18:45 h no lugar da proba.
- XOGOS, TALLERES E ESPECTÁCULOS. A partir das 12:00 h, están previstos varios obradoiros dirixidos a nen@s e rapaces/zas pero sen esquecer ás persoas maiores:
- Na rúa D un obradoiro de maquillaxe e o Campo de Santa Isabel será o espazo que acolla os seguintes obradoiros:
- DE SÍMBOLOS CELTAS realizados sobre diferentes superficies
- DE PULSEIRAS
- XIMKANA DE XOGOS COOPERATIVOS
- OBRADOIRO DE XOGO TRADICIONAL (sogatira, pita cega, carreira popular de sacos, a mazá, mazurcas…)
Estas actividades están na súa maior parte dirixidas a un público infantil (coa salvedade dos xogos tradicionais), con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos e en varias delas repartiranse varios premios aos/ás participantes que gañen algunha proba.
Igualmente, para o público infantil, para as familias e amantes do ilusionismo está pensado o ESPECTÁCULO DE MAXIA a cargo de MANUEL LAMAS, situárase na Praza do Concello.
- PASEOS EN KAIAK POLO RÍO MIÑO, en horario de 16:30 h a 19:00 h, esta actividade estará guiada polo club de piragüismo CIDADE DE LUGO e para participar nela é preciso ter 7 ou máis anos e saber nadar.
Todas estas actividades están promovidas polo Concello de Outeiro de Rei e son gratuítas para o público.
-
- ACTUACIÓNS MUSICAIS:
- Ás 12:00 h o grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo estarán na inauguración da feira e animando as rúas da mesma no tradicional pasacalle.
- Ás 13:00 h actuará diante da Casa Consistorial a Banda Municipal de Música Sons e Soños dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade.
- Ás 17:45 h haberá música tradicional e exhibición de baile rexional na Praza do Concello a cargo do grupo A Volta do agro que tamén animará coa súa música as rúas do centro e a rúa Manuel María.
- EXHIBICIÓNS
- ACTUACIÓNS MUSICAIS:
No Campo de Santa Isabel terán lugar:
-
-
- A partir de primeira hora da mañá, nas inmediacións do circuíto deportivo, EXHIBICIÓN DE TALLA EN MADEIRA CON MOTOSERRA a cargo do escultor YOSI .
- A partir das 13:00 h, CONCENTRACIÓN DE VEHÍCULOS CLÁSICOS na que se darán cita diferentes marcas de coches clásicos e motos.
- Nas inmediacións da capela, ás 18:00 h terá lugar unha EXHIBICIÓN E ACTIVIDADE PARTICIPATIVA DE TIRO CON ARCO, a cargo da Escola Lucense de Tiro con Arco representada por Alfonso Fernández, adestrador nacional e presidente da entidade.
-
- BUS TURÍSTICO. O Concello de Outeiro de Rei aproveita a feira para dar a coñecer gratuitamente a calquera persoa que o desexe unha parte dos atractivos turísticos do municipio. Con este motivo está previsto que ás 17:30 h parta das inmediacións da Casa Consistorial un autocar que contará cunha guía e que visitará os seguintes puntos:
- CAMPO DA FEIRA (GAIOSO)
- PENAS DE RODAS
- SALTO DO PIAGO
- IGREXA DE ROBRA
- CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición na caseta do Concello ao longo da xornada e ata media hora antes da saída; o número de prazas está limitado a 36.
- E PARA COMER a feira contempla a posibilidade de utilizar a fermosa carballeira do Campo de Santa Isabel para este fin. Alí haberá instalada unha carpa con capacidade para máis de 500 persoas na cal o restaurante GONZÁLEZ ofrecerá a posibilidade de mercar o menú da feira ou escoller entre diferentes opcións como polbo, empanada, churrasco, tenreira asada, doces….
Ademais, a PANADERÍA OUSÁ porá a venda empanadas, doces e varios produtos de panadería máis; haberá tamén un posto de xeados, de algodón de azucre e garapiñadas, …
O horario de comidas está previsto a partir das 13:30 h.
Este espazo natural é utilizado tamén por familias e grupos para celebrar nel as tradicionais merendas típicas destas datas.
- AGASALLO DE CADERNOS. Ao longo da xornada, e ata esgotar existencias, repartiranse sen custo económico na caseta do Concello uns cadernos que se poderán personalizar co nome da persoa que se desexe na caseta ca empresa Laser Lucus terá situada na rúa D. Para obtelas será requisito responder correctamente á unha pregunta sobre Outeiro de Rei que o persoal do Concello realizará á persoa interesada.
- SORTEO DE PREMIOS EN METÁLICO. Lembrar tamén que as persoas que merquen algún produto na feira poderán participar no sorteo de 20 premios de 50 € cada un deles; a tal efecto deberán depositar a súa rifa na urna instalada na caseta do Concello. O sorteo terá lugar ás 21:30 h. As persoas afortunadas que non estean presentes no momento do sorteo terán un prazo dun mes dende a celebración do mesmo para poder retirar no Concello de Outeiro de Rei o premio acadado. A relación de tickets premiados será difundida a través do grupo musical que actuará na praza da vila pola noite, na web municipal e tamén será publicada no diario El Progreso o día 08/07/2022. Pódense consultar as bases BASES SORTEO PREMIOS METÁLICO 2022
Pero non marchen de Outeiro de Rei, aínda queda máis…. Para as persoas que desexen prolongar a súa estancia en Outeiro de Rei, e se cabe aínda máis, para os veciños e veciñas do municipio que este ano non celebra as súas tradicionais Festas de Santa Isabel, para todas as persoas que o desexen, o Concello de Outeiro de Rei promove a actuación na praza da vila do GRUPO FÉNIX a partir das 22:30 h.
Ás 24:00 h, haberá a tradicional sesión de fogos artificiais cos que despediremos a décimo cuarta edición da feira, quedando moita noite para seguir gozando da música e ao día seguinte, o domingo, ás 10:30 h terá lugar a saída da Praza do Concello da VI CARREIRA SOLIDARIA DO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, inscricións en www.carrerasconencanto.com.
GOCEN CON NÓS DE TODAS ESTAS ACTIVIDADES PENSADAS PARA VOSTEDES E SEMPRE, SIEMPRE, BETI, FOREVER, TOUJOURS … DE OUTEIRO DE REI 😊