Con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER, o Concello de Outeiro de Rei presenta este mércores na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ás 17:00 h o vídeo MULLERES QUE INSPIRAN_ AS QUE ABRIRON CAMIÑO. CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.
Con este vídeo pretendese dar un merecido recoñecemento ás mulleres maiores do noso municipio a través de oito protagonistas, todas elas maiores de oitenta anos. Oito mulleres loitadoras, traballadoras, inspiradoras doutras moitas mulleres. Mulleres que nun contexto social moi diferente ao actual co seu labor, moitas veces invisible pola falta de recoñecemento social, abriron camiño para que as mulleres das xeracións seguintes o tivesen máis doado.
Conscientes de que aínda queda un camiño por percorrer na procura da igualdade real e de oportunidades, elas nos fan tomar conciencia neste vídeo de que o acadado é moi importante.
O acto estará presidido polo alcalde, José Pardo Lombao, e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e contará coa presenza das protagonistas e de Irene Vila Modia, da empresa BuleBule, realizadora deste traballo.
O Concello de Outeiro de Rei anima a todas as persoas que o desexen a asistir a esta presentación e á posterior charla-coloquio.
Ao remate do acto haberá unha degustación de doces.