O pasado venres, Día Internacional da Muller, déronse a coñecer as fotografías premiadas no III Concurso de Fotografía A MULLER TRABALLADORA NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI quedando inaugurada a mostra polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de servizos sociais, Mª José Martínez Vigo.
As fotografías premiadas foron:
Na sección de fotografías antigas, a fotografía titulada MEU LEITIÑO, achegada por VANESA LOZANO CORRAL, DNI 33 349 893P, escena tomada en Guillar no ano 1968 aproximadamente.
Na sección de fotografías actuais a fotografía NA PROCURA DE CALORCIÑO PARA O INVERNO fotografía realizada en 2018 en Matela achegada por TERESA RODRÍGUEZ BARREIRO, DNI 33 305 309 K.
Segundo recolle a acta do xurado composto por Mª José Martínez Vigo, concelleira de servizos sociais, Blanca Arrojo Farelo, traballadora social e Mª Soledad Picón Acal, axente de emprego e desenvolvemento local:
“MEU LEITIÑO (1968). Imaxe singular que mostra unha muller mirando cara a cámara tirando das rendas dun cabalo para acudir vender o leite. Esta fotografía serve para lembrar o papel das mulleres nas economías domésticas, onde labores como muxir as vacas, facer os queixos ou desnatar o leite estiveron tradicionalmente reservados ao sexo feminino, e deron lugar a oficios como os de queixeira ou leiteira.
NA PROCURA DE CALORCIÑO PARA O INVERNO (2018). Imaxe actual que mostra unha muller exercendo unha actividade non remunerada no seu ámbito privado, unha actividade reservada tradicionalmente aos homes como é a de cortar a leña para ter o fogar abastecido cara ao inverno.
Ambas imaxes contribúen a que as mulleres se poidan sentir recoñecidas na súa aportación á sociedade a través delas mesmas e dos seus traballos. Consideramos que ambas imaxes serven para facer unha chamada de atención para que a sociedade sexa consciente do traballo calado, desvalorizado e pouco ou nada remunerado que as mulleres realizaron e seguen a realizar no ámbito familiar.”
As premiadas, dúas mulleres veciñas de Outeiro de Rei, recibiron 200 € e un diploma acreditativo.
Ademais das fotografías presentadas ao concurso, completan a mostra as fotografías gañadoras nas pasadas edicións e unha instantánea tomada en Arjeriz; todas elas poderán verse na Casa da Cultura ata o día 28 deste mes en horario de 9:00 h a 14:30 h.
Esta actividade organizada polo Concello de Outeiro de Rei é unha das actividades que se están a desenvolver na actualidade dentro da programación de Actividades de Promoción da Muller 2019.