LIMITACIÓNS DA ENTRADA E SAÍDA DE PERSOAS EN DETERMINADOS ÁMBITOS TERRITORIAIS

Quedan restrinxidas a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos seguintes concellos: Maside, Paradela e Vilardevós.

Só poderán realizarse os desprazamentos que se produzan por algún dos seguintes motivos:

Asistencia a servizos sanitarios; Cumprimento de obrigas laborais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais; Asistencia a centros educativos, incluídas as escolas de educación infantil; Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar; Asistencia, coidado e acompañamento, a dependentes, persoas con discapacidade ou persoas vulnerables; Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes; Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais; Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables; Realización de exames ou probas oficiais inaprazables; Coidado de hortas e animais; Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación; Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello; Por causa de forza maior ou situación de necesidade; Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional.

Non estará sometida a ningunha restrición a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais.

LIMITACIÓN DA PERMANENCIA DE GRUPOS DE PERSOAS EN ESPAZOS PÚBLICOS OU PRIVADOS

Nos concellos de Maside, Paradela e Vilardevós, a permanencia de grupos de persoas tanto en espazos de uso público como privado quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Nos restantes concellos galegos limitarase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de 4 en espazos pechados de uso público e de 6 en espazos abertos de uso público. En espazos de uso privado, a permanencia de grupos de persoas quedará limitada aos constituídos por persoas conviventes.

As limitacións establecidas nos puntos anteriores teñen excepcións que poden ser consultadas no DOG nº 52 bis do 17/03/2021 entre as que destacan a extensión da unidade familiar no caso de persoas que vivan soas.

LIMITACIÓNS Á PERMANENCIA DE PERSOAS EN LUGARES DE CULTO

O aforo nestes lugares non poderá superar o 50% da súa capacidade, salvo nos concellos de Maside, Paradela e Vilardevós onde o aforo quedará limitado a o terzo da súa capacidade. Tamén deberá garantirse o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes.

Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

LIMITACIÓN TEMPORAL DA ENTRADA E SAÍDA DE PERSOAS NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

Establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados.

As persoas desprazadas a Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia da COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma, deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia dacordo coa Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

As persoas desprazadas a Galicia, unha vez que estean no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas neste decreto, ademais do resto das medidas aplicables.

ACTIVIDADE CINEXÉTICA DO XABARIL E DO LOBO

Quedan exceptuadas das limitacións á entrada e saída dos ámbitos territoriais, así como das restricións á permanencia de grupos de persoas en espazos as accións de caza colectiva que se realicen exclusivamente sobre as especies cinexéticas do xabaril e do lobo, nos seguintes supostos:

Accións de caza sobre o xabaril de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/21 nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos Tecor, e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común; accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría ocasionados polo xabaril e/ou o lobo, logo da súa comprobación por parte das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de ambiente; accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

PLAN DE HOSTALARÍA SEGURA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA: RASTREXABILIDADE

A persoa titular do establecemento obterá un código QR na páxina web: https://coronavirus.sergas.gal/

Mediante a aplicación da Xunta de Galicia Passcovid, os usuarios do establecemento poderán rexistrar a súa presenza nel mediante a captura do código QR, o cal axudará a detectar posibles concentracións de contaxios con maior rapidez.

A persoa responsable do establecemento virá obrigada a manter actualizada esta información cada vez que se produza un cambio no nivel de restricións aplicables ao ámbito territorial en que se atope o local, tanto na capacidade interior coma na exterior. Para isto, disporán dun prazo de 3 días contados desde a data da súa publicación no DOG para actualizar esta información.

A EFICACIA DAS MEDIDAS PREVISTAS NESTE DECRETO COMEZARÁ ÁS 00.00 HORAS DO DÍA 19 DE MARZO DE 2021.