Resumo da disposición:
A Presidencia da Xunta de Galicia, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica posta de manifesto nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, procede a adopción das seguintes medidas:

1º Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais:
Con efectos desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais: Vigo, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño e Gondomar; Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Poio; Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros e Cambre; Ferrol, Ares, Neda, Narón, Fene e Mugardos; Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén; Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados; Lalín, Silleda e A Estrada; LUGO; Viveiro; Burela; Monforte de Lemos; Vimianzo; Xinzo de Limia; Cangas; Ponteareas; Tui e Grove.
Quedan exceptuados da anterior limitación aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:
A asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios; o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais; a asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil; o retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar; asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes; actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais; renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables; realización de exames ou probas oficiais inaprazables; por causa de forza maior ou situación de necesidade e calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulte de aplicación a limitación prevista no número anterior.

2º Limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados en determinados ámbitos territoriais:
Con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre non superará o número máximo de seis persoas, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de seis persoas.
Desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes, en todos os concellos enumerados anteriormente.
Esta limitación non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores, e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Tampouco se aplicará nos casos de reunións con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado, incluído o acompañamento a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

3º Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto:
Con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, debendo respectarse en todo caso o límite máximo de cincuenta persoas.
Con efectos desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, o límite máximo de persoas asistentes nos concellos mencionados anteriormente, será de vinte e cinco persoas.
Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

Estas medidas estarán vixentes ata as 15.00 horas do 4 de decembro de 2020.
TEXTO ÍNTEGRO DA DISPOSICIÓN