Solos, flora e fauna

Os solos son ácidos en xeral e precisan dunha forte corrección para conseguir que sexan aptos para o cultivo. Os da metade oriental presentan unha considerable dificultade de drenaxe, sendo característicos os solos gley e seudogley (solos continuamente empapados por augas freáticas e alta concentración de ferro). Nas áreas máis próximas aos cursos de auga aparecen os terreos das veigas (chairas aluviais fértiles) e nas zonas montañosas dominan os solos tipo ranker‐pardo (solos ácidos).

En canto á vexetación, asístese a unha transición caracterizada pola crecente desaparición da vexetación autóctona atlántica caducifolia, aínda que perviven pequenos bosques de carballos e fragas mixtas (carballos, bidueiros, freixos, espiños, acivros…). Actualmente, entre as especies máis utilizadas para as repoboacións destacan o piñeiro silvestre galego ou piñeiro do país, o piñeiro insigne ou de Monterrey e, sobre todo nos últimos anos, o eucalipto, plantado nas zonas máis altas do municipio.

No sotobosque predominan os arbustos (matogueiras, breixos, silveiras, xesteiras…), mentres que ás beiras dos ríos e regatos xurde unha vexetación característica, o chamado bosque de inundación, composto por ameneiros, bidueiros e freixos. Este tipo, escaso no resto da Europa Atlántica, presenta unha fauna asociada que axuda a manter este peculiar ecosistema e viceversa, xa que as lagoas, caneiros e prados húmidos actúan como zona de invernada e cría para numerosa avifauna.

A importancia dos ríos neste municipio supón que o ecosistema fluvial sexa moi diverso e heteroxéneo, acollendo grande cantidade de especies de fauna e flora que en moitos casos son bioindicadores da calidade das augas. Algunhas delas están seriamente ameazadas e gozan da máxima protección medioambiental, como a lontra, o mexillón de río, o cangrexo de río, a toupa de río (aguaneiro) ou a salamántiga rabilonga. A vexetación natural destes humidais está constituída por zonas de prados intercaladas con densos bosques caducifolios de inundación que dan acubillo á súa vez a un sotobosque rico en especies hidrófilas.

alevins_ladra
Solta de Alevíns no Ladra

Entre as aves acuáticas destacan varias especies de patos, garzas reais, galiñolas, picapeixes ou merlos de río, que conviven con réptiles e anfibios como tritóns, ras verdes ou serpes de auga.

O resto da fauna do concello non presenta grandes diferenzas coa da chaira lucense; pequenos e grandes mamíferos habitan os bosques (corzos, xabaríns, raposos, martas, porco teixo, esquíos, perdices, coellos, lebres…), xunto coas aves rapaces diúrnas e nocturnas como as aguias reais, gabiáns, lagarteiros, curuxas ou mouchos, etc, que fan deste concello un lugar de interese ecolóxico e paisaxístico, á vez que son un reclamo nas temporadas de pesca ou de caza para as persoas afeccionadas a estes deportes.

En Outeiro de Rei hai na actualidade tres tecores societarios que son:

  • Tecor Vicinte-Santa Comba (parroquias de Vicinte, Martul, Parada e barrio de Santa Comba de Aspai)
  • Tecor Outeiro de Rei: (parroquias de Aspai, Francos, Candai, Santo Tomé e Gaioso)
  • Tecor Santa Isabel (parroquias de Outeiro de Rei, Robra, Guillar, Santa Mariña, Bonxe, San Lourenzo, Cela, Arcos, Sobrada, Caboi, Castelo, Folgueira, Matela, Vilela, Taboi, Silvarrei, San Clodio e Mosteiro)

En canto aos cotos de pesca, no municipio hai varios tramos de ríos acoutados no Miño e no barrio de A Ponte (Gaioso) hai un canal de cría de alevins a cargo da asociación de pesca Río Ladra.

Son tramos de augas lentas válidos para a práctica de diversas modalidades de pesca (con “cucharilla” ou con mosca ao inicio da tempada ou con cebo natural a partir do mes de maio).