Situación económica do concello

Poboación ocupada por sectores económicos
Fonte: Elaboración propia a partir datos IGE. Afiliacións á Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada

En Outeiro de Rei a principal fonte de ingresos ata os anos 70-80 do século pasado procedía da actividade agraria.

A partir deses anos houbo importantes transformacións e a actividade agropecuaria comezou a decaer debido en primeiro lugar á propia dinámica demográfica, motivo polo que as baixas por morte ou por xubilación superan amplamente ás entradas de activos no sector, e en segundo lugar pola transferencia dun número importante de efectivos humanos cara ao sector terciario (servizos) e en menor medida, cara ao sector secundario (industria e construción), fenómeno que é xeneralizable a todas as economías desenvolvidas.

Así ata chegar á actualidade onde, tal e como se pode apreciar na gráfica de poboación ocupada por sectores, é o sector servizos o que ocupa a maior porcentaxe de poboación (70,17%), seguida do sector secundario: industria (16,45%) e construción (6,47%) e do sector primario, que segue tendo un peso relevante na economía municipal e dá emprego ao 6,74% da poboación, segundo datos do Instituto Galego de Estatística referidos ao ano 2021.

Sector primario

O sector primario representa o 6,74 %  da poboación ocupada en Outeiro de Rei. Dentro deste sector hai un predominio da gandaría sobre a agricultura, agricultura pouco diversificada que está destinada basicamente ao autoconsumo (normalmente pequenas hortas familiares dedicadas á produción de hortalizas, verduras, patacas,…) e que coexiste cunha produción de cultivos forraxeiros orientados á alimentación do gando.

A paisaxe agraria sufriu nos últimos tempos profundas transformacións e as terras de cultivo foron cedendo paso aos pasteiros que tamén se viron incrementados pola deforestación dos montes; como consecuencia directa o número de gando, sobre todo bovino, aumentou.

Orientación do gando bovino
Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE

Non obstante, dende principios dos anos 90 do século pasado estamos a asistir a un descenso continuado no número de explotacións bovinas. No ano 1989 e segundo datos extraídos do Censo Agrario elaborado polo Instituto Nacional de Estatística había un total de 937 explotacións que descenderon a 762 no ano 1999, a 248 no 2009, a 171 no 2019 e a 163 en 2020 (estes últimos datos proveñen do Sistema Integrado de Trazabilidade Animal proporcionados polo IGE).

GANDO BOVINO

En relación á orientación do gando bovino predomina o de leite sobre o de carne, non obstante hai unha redución importante do número de vacas de leite, aínda que con tendencia á estabilidade nos últimos anos, debido posiblemente a dous motivos fundamentais: o primeiro, a mellora na xenética e no manexo das vacas que permite manter e inclusive aumentar a produción a pesar de reducir o número de animais; o segundo, é a orientación produtiva de moitas explotacións cara á produción de carne, reorientación motivada pola insuficiencia de cota en moitas delas e das limitacións á produción.

A gandaría complétase coa explotación de gando porcino, polos de carne, ovino, e en menor medida, caprino e coellos.

Os matadoiros utilizados xeralmente para o sacrificio do gando son os de Rábade, Castro de Rei e Lugo.

GANDO OVINO

 

Dentro deste sector primario atopamos varias canteiras en explotación.

O historiador Amor Meilán menciona que hai acoutados pero sen explotar os rexistros mineiros de ferro denominados María Petra e Catalina nas parroquias de Aguiar e Guillar respectivamente.

Dentro deste sector primario compre destacar tamén a riqueza forestal do municipio, destacando a produción de coníferas (Pinus pinaster ou piñeiro do país e  Pinus radiata)  e  eucaliptos e en menor medida, a produción de frondosas autóctonas. En Outeiro de Rei a superficie forestal total no ano 2020 é de 7039 ha, segundo o IGE, e as posibilidades de desenvolvemento deste sector son importantes.

Na parroquia de Robra a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas S.L., ten instalada unha central eléctrica aproveitando o Salto do Piago.

Sector secundario

Corporación Alimentaria Peñasanta
Corporación Alimentaria Peñasanta

O sector secundario emprega en Outeiro de Rei o 22,92 % do total de poboación ocupada; a industria dá traballo á maior porcentaxe de poboación, o 16,45 %, mentres que a construción ocupa o 6,47 % en 2021. En termos absolutos a poboación ocupada neste sector descendeu dende o ano 2009, ano no que representaba o 26,76% da poboación.

Dentro da actividade industrial atopamos a maior concentración de empresas na parroquia de Guillar, aínda que esta realidade está a cambiar debido ao aumento de chan industrial e á aprobación de diversos plans parciais, que están a permitir a posta en valor dunha importante bolsa de terreo industrial no espazo coñecido como Parque Empresarial de Outeiro de Rei, zona na que xa están emprazadas varias empresas (Coren, Norpresa, Ingapan, Carpintaría Metálica Ben Alonso…).

Polo número de asalariados entre as industrias máis importantes está a láctea Corporación Alimentaria Peñasanta, que se localiza na parroquia de Robra ao bordo da N-VI, tamén tivo gran importancia para a economía municipal a empresa Alimentos Lácteos SA, e anteriormente a esta, a láctea Leite Pascual SA; disto dan fe unhas importantes instalacións situadas na parroquia de Santa Mariña.

Ademais das lácteas, a actividade industrial está representada polas carpintarías tanto de madeira e fabricación de mobiliario como metálicas, contando con cinco destas últimas no municipio. Así mesmo podemos atopar empresas que se dedican á fabricación de formigóns, derivados do cemento e  transformacións da pedra. Existindo ademais empresas que provén ao sector primario de diferentes materiais e instalacións.

Atopamos no municipio algún industrial panadeiro por exemplo na parroquia de Guillar Panadería Ramil SL e Panadaría Ousá, a xa mencionada Ingapan situada no Parque Empresarial de Outeiro de Rei e, noutras parroquias, Panadaría Artesanal Vázquez e Panadaría do Cantón.

Hai unha empresa dedicada á fabricación de produtos de pirotécnica a nome de Pirotecnia Astariz SL e tamén algún artesán que vive do seu oficio (cesteiros, fabricación de instrumentos musicais, restauración de mobles, …).

A boa situación xeográfica de Outeiro de Rei, unido aos bos accesos de comunicación e aos cambios que está a experimentar nestes últimos anos, permiten augurar un futuro realmente prometedor a este sector industrial.

Parque empresarial de Outeiro de Rei

VER INFORMACIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL

Construción

A construción experimentou en Outeiro de Rei un importante crecemento á vez que actúa como factor dinamizador doutras ramas da industria como a dedicada ao tratamento da pedra natural e á fabricación de produtos.

Aínda que nos últimos anos diminuíu lixeiramente o número de empresas dedicadas á construción, de 65 en 2008 a 63 en 2012 (datos do Instituto Galego de Estatística), o descenso máis brusco produciuse na poboación ocupada neste sector, que pasou de empregar un 10,69% da poboación activa en 2009 a un 7,25% en 2013 e un 6,08% en 2020; o que en termos brutos se traduce nunha caída dos 205 traballadores de media neste sector en 2009 a 133 no ano 2013 e 131 en 2020.

É de destacar dentro deste apartado o incremento na realización de vivendas que se observou nos últimos tempos, sobre todo coa construción de varias urbanizacións concentradas nas parroquias de Matela, Guillar, Robra e Outeiro de Rei.

No 2003 finalizou a construción da primeira promoción de vivendas de protección oficial localizadas na vila de Outeiro de Rei, un total de 34. Ademais construíronse tamén as urbanizacións Triacqua e A Palloza.

Entrega de títulos de propiedade vivendas de protección oficial (26/09/2003)
Entrega de títulos de propiedade vivendas de protección oficial (26/09/2003)

Sector terciario

O sector servizos é o gran motor xerador de emprego da zona, empregando ao 70,17% da poboación ocupada do municipio e á vez é o que concentra o maior número de demandas por parte da poboación parada deste concello.

Inclúese dentro deste sector basicamente o comercio, a hostalaría e hospedaxes, o transporte e tamén a sanidade, a educación, a administración pública e os servizos de ocio.

Comercio

A actividade comercial polo miúdo está orientada a satisfacer as necesidades básicas da poboación. No núcleo atopamos unha farmacia, un supermercado e varios establecementos de hostalaría.

Esparexidas pola xeografía municipal aparece algunha que outra panadaría. 

Hai unha casa de turismo rural que ofrece servizo de restaurante ademais de aloxamento, unha vivenda turística situada en Sobrada, varios restaurantes, unha pensión (Pensión González) e varios bares.

No municipio contabilízanse dúas gasolineiras, unha situada na parroquia de Outeiro de Rei e a outra na parroquia de Robra, e un establecemento de distribución de carburantes a domicilio, en Guillar.

Ao estar a poboación diseminada obsérvase a existencia dun comercio ambulante que percorre todas as parroquias ofrecendo basicamente pan, comestibles, peixes e pensos.

Ademais hai varias empresas asentadas no municipio que desenvolven diversas actividades por xunto:

  • Comercio por xunto de froitas e verduras
  • De leite e produtos lácteos
  • De bebidas e tabaco
  • De madeira, etc.

Outros servizos

O municipio conta ademais con:

  • Escola infantil municipal
  • Colexio de educación infantil e primaria Laverde Ruíz
  • Casa da Cultura onde se atopa a biblioteca municipal, a oficina de información xuvenil, os servizos de cultura e deportes e o servizo de atención temperá.
  • Centro cultural
  • Centro médico
  • PAC
  • Oficina de Caixa Rural Galega
  • Oficina de correos
  • Un xeriátrico privado, o Residencial DomusVi
  • Varios campos de fútbol
  • Un pavillón de deportes e un ximnasio
  • Varias zonas de ocio entre elas, o Campo de Santa Isabel e a área recreativa de Penas de Rodas
  • Un centro deportivo privado en Mosteiro
  • O Circuíto de Outeiro de Rei en Robra para deportes de motor
  • Área de autocaravanas