Manuel María F. Teixeiro

Este poeta, dramaturgo e narrador, naceu o 6 de outubro de 1929 en San Xoán de Outeiro de Rei. Finou o 8 de setembro do 2004 na Coruña. Iniciou a súa vida cultural e literaria no Lugo da posguerra, onde estudou o bacharelato, participando nos coloquios do Café Méndez Núñez con Pimentel, Fole, Piñeiro ou Ánxel Xohán. Con este último fundaría anos máis tarde, no 1952, a colección Xistral de Poesía.

Despois de estudar Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde estableceu contactos coa Xeración Nós, galeguistas composteláns, así como co pintor Maside, quen máis influíu na súa formación, segundo palabras do propio Manuel María,  obtén o título de Procurador dos Tribunais (1957), trasladándose a Monforte de Lemos para desempeñar o citado cargo.

En canto a súa obra literaria, foi no xénero poético onde máis destacou, gañando entre outros o Premio Castelao de Poesía (1952) e o Premio Pondal de Poesía do Centro Galego de Bos Aires (1955). Dita produción poética componse de 41 obras, entre as que se atopan:

  • " Advento " (1954).
  • "Terra Chá" (1954).
  • "Os soños na gaiola" (1968).
  • "Cancións do lusco ó fusco" (1970).
  • "O Miño canle de luz e néboa" (1996).

Como dramaturgo é autor de máis de 20 obras teatrais, entre elas: Auto do mariñeiro (1961) ou A farsa de Bululú (1973 // Premio Abrente).

A súa obra narrativa premiada polo Centro Galego de Bos Aires (1970) está constituída entre outros títulos por: “O xornaleiro e sete testimuñas mais” (1971) e Cando o mar foi polo río (1992).

Ao labor desta fecunda creación literaria, súmanse moitas outras tarefas: conferencias, recitais, etc, que poñen de manifesto o sincero e grande amor que Manuel María sente polo pobo e pola terra que o viu nacer. El mesmo escribiu:

“Eu son Manuel María.
Nacín o ano 30, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha casta rexa de labregos
fideles á súa terra i o Deus.
Agora son un namorado.
Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da Terra Chá que leva un
cravada nas entranas, penso eu.”

Na súa obra Terra Chá (1954) reeditada nos anos  1967 e 1972, é onde mellor se plasma o compromiso total deste poeta coa súa terra.
A continuación transcribimos algúns destes poemas:

Poemiña das Penas de Rodas

  • En Gaioso, ollando a Chá,
  • hai duas penedas ergueitas.
  • ¡Semellan non ser verdá
  • redondeces tan ben feitas!
  • As Penas de Rodas son
  • dous ollos aluciados
  • que espían con atención
  • os eidos máis alonxados.
  • Si ambas penas se desfán
  • arde, o mundo, un tesouro:
  • ¡unha pena é de alquitrán,
  • a outra unha trabe de ouro!
  • Non sodes, non, cantería,
  • ouh penas de encantamento.
  • ¡Temo que calqueira día vos
  • poida levar o vento!

Barro

  • 1. Estes dous povos, Bonxe e Silvarrei
  • tan soio teñen barro de boa lei.
  • As terras son malas, malas, malas
  • e de pouco ou de nada val labralas:
  • ¡teñen berro somentes e barreiros!
  • ¡No pais non hai outros cacharreiros
  • que lle teñan ó seu oficio tanta lei
  • como as xentes de Bonxe e Silvarrei!
  • 2. En Silvarrei non hai cacho nin cacharro
  • pois xa ninguén trabilla o barro.
  • En Bonxe soiamente ó Manuel do María
  • i o Indalecio sosteñen, día a día,
  • a tradición da vella alfarería
  • pola que digo, tristeiro, esta elexía.

Cantiga da Romaxe de Santa Isabel

  • Madre, en romaxe a Santa Sabel irei;
  • a Santa Sabel de Outeiro de Rei
  • que eu estou moi soio
  • e de amor non sei
  • Madre, a Santa Sabel hei de ir
  • e tódalas coitas verei fuxir
  • nesta romería
  • que eu ben cantaría.
  • E bailarei, madre, sú a abidueira;
  • e bailarei, madre, a miña maneira
  • nesta romería
  • que eu ben cantaría.
  • Irei, ¡ai madre!, a Santa Sabel
  • a buscar amiga como un carabel
  • nesta romería
  • que eu ben cantaría.
  • Amiga fremosa de ceio e de liño
  • buscarei, mi madre, xunto ó rio Miño
  • nesta romería
  • que eu ben cantaría.
  • ¡Madre, mi madre, que me namorei
  • na Santa Sabel de Outeiro de Rei
  • e de amor xa sei
  • nesta romería
  • que eu ben cantarei!.

O Concello de Outeiro de Rei en sesión plenaria de 26 de decembro de 2006 outorgoulle a distinción de fillo predilecto deste municipio.

O 07/09/2013 abriu ao público a Casa-Museo Manuel María cita obrigada para amantes das letras e da cultura. casamuseomanuelmaria.gal

Vídeo da homenaxe a Manuel María