Eduardo Pardo de Guevara
Ponteceso, A Coruña, 14 de setembro de 1952
Doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid, onde exerceu durante varios anos a docencia na cátedra de Paleografía e Diplomática, primeiro como Catedrático interino e máis tarde como Profesor asociado. Foi tamén bolseiro postdoutoral do Consello Superior de Investigacións Científicas e en 1989 ingresou por oposición no corpo de investigadores científicos. Exerceu como Científico Titular na Institución Milá i Fontanals (Barcelona), no Instituto de Historia (Madrid) e no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (Santiago), ascendendo despois Investigador Científico e finalmente a Profesor de Investigación. Dende 1994 é, ademais, director deste último centro e, dende 1999, responsable tamén do Grupo de Investigación de Historia e Patrimonio (GHyP), que en 2002 foi recoñecido como grupo de excelencia pola Xunta de Galicia.
Foi investigador principal de media ducia de proxectos competitivos e de case unha vintena de convenios e contratos de investigación. Na actualidade dirixe o Dicionario Biográfico da Galicia dos Trastámara (1359-1480) e o Corpus de Epigrafía, Heráldica e Escultura funeraria medieval de Galicia (Séculos XIII-XVI).
É, ademais, director da revista Cadernos de Estudios Galegos e das súas dúas series de Anexos e Monografías, así como da colección Galicia Histórica, que edita a Fundación Pedro Barrié de la Maza e da que van publicados case corenta títulos.
Entre 1988 e 2004 foi representante de España ante a Confédération Internationale de Généalogie et d ‘Héraldique, e, entre 1994 e 2005, vicepresidente e asesor da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. Na actualidade, a súa actividade esténdese ao consello da Cultura Galega, onde foi responsable da Sección de Patrimonio Histórico, entre 2002 e 2008, así como ao Comité Español de Ciencias Históricas, de cuxa Xunta Directiva forma parte, e á Confederación Iberoamericana de Xenealoxía e Heráldica, da que é vicepresidente académico.
Pertence, ademais, a unha vintena de corporacións académicas nacionais, estranxeiras e internacionais. É, por exemplo, Académico Correspondente da Real Academia da Historia (Decano dos de Lugo), Académico de Número da Real Academia Matritense de Heráldica e Xenealoxía, así como Académico Titular -ou de Número- da Academie Internationale de Généalogie e tamén da Academie Internationale d ‘Héraldique, ademais de Correspondente do Istituto Aráldico e Xenealóxico Italiano, da Asociación Portuguesa de Xenealoxía ou do Instituto Portugués de Heráldica. É, así mesmo, Académico Correspondente da Academia Americana de Xenealoxía, Académico de Honra da Academia Costarriqueña de Ciencias Xenealóxicas e Correspondente do Instituto Arxentino de Heráldica e Xenealoxía, do Centro de Estudios Xenealóxicos de Córdoba (Arxentina), da Xunta Sabatina de Especialidades Históricas (Arxentina), do Instituto Arxentino de Ciencias Históricas e Xenealóxicas, da Academia Guatemalteca de Heráldica e Xenealoxía, da Academia de Ciencias Xenealóxicas e Heráldicas de Bolivia ou da Academia Dominicana de Xenealoxía e Heráldica.
A súa dedicación á investigación histórica quedou plasmada nunha ducia de libros e noutros tantos capítulos de libros ou colaboracións en volumes colectivos, así como en algo máis dun centenar de artigos e estudios monográficos e en máis de medio centenar de prólogos e estudios introdutorios. Entre as súas publicacións destaca o Manual de Heráldica Española (1997 e 2000) e algunhas obras ben coñecidas en relación con Galicia: Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos (Santiago de Compostela, 1996, 2 vols.), Paus, faixas e jaqueles (Lugo, 1997), As Armarías Municipais de Galicia (Santiago de Compostela, 1998 e 2003, 2 vols.), ou Los Señores de Galicia (A Coruña, 2000, 2 vols.).
En 1997 recibiu o Máster de Oro, do Forum de Alta Dirección e en 1998 o Premio internacional Dalmiro de la Válgoma, outorgado pola Confédératión Internationale de Généalogie et d ‘Héraldique. É, ademais, Grande Oficial da Orde do Mérito Melitense (2000) e Comendador da Real Orde de Isabel la Católica (2004).
Con frecuencia acude á residencia familiar de Outeiro de Rei situada no emblemático Pazo de Mirapeixe (Santa Mariña).