Hidrografía
A rede hidrográfica está presidida polo Miño, o río máis longo e importante de Galicia. Nacido no Pedregal de Irimia (Serra de Meira, Lugo) percorre 350 km ata a súa desembocadura no océano Atlántico entre A Guarda (Pontevedra) e Caminha (Portugal).
Unha característica diferenciadora do río Miño ao seu paso por Outeiro de Rei é que se desdobra formando insuas (illas fluviais). A de maior extensión do concello atopámola na parroquia de Santa María de Cela, é a Insua de San Roque que xunto á Insua de Trabanca, a Insua de Baixo ou de Santa Mariña e a Insua Pequena forman as denominadas Insuas do Miño.
Os ríos de maior caudal flúen polas zonas centro e oeste do concello (Miño, Ladra, Narla). Xunto a eles hai que destacar os numerosos regos e regatos que existen no municipio, tributarios dos principais rios.
Río Miño
Percorre a zona norte e central do concello, primeiro en dirección L‐O e despois N‐S, facendo de límite natural polo norte cos concellos de Cospeito, Begonte e Rábade. No seu curso alto ao seu paso polo concello de Outeiro de Rei, o Miño primeiro atravesa zonas de escasa ou nula pendente (A Terra Chá), formando amplos meandros como o da Trabanca (cun xiro de 180º) e dividíndose en varios brazos ou ríos secundarios (como o río Negro), dando lugar a numerosas insuas ao seu paso. Máis abaixo, un pouco antes do Salto do Piago, o río comeza a encaixarse e a formar rápidos no seu camiño cara ao concello de Lugo.
O Miño percorre uns 19 km polo termo municipal de Outeiro de Rei, dende o límite con Castro de Rei (Mos) ata o límite con Lugo (Ombreiro).
Río Ladra
Formado pola unión dos ríos Madanela e Trimaz nun punto ao sur de Vilalba (estes á súa vez nacen na Serra da Carba, ao norte de Vilalba), percorre a comarca da Terra Chá pola súa zona oeste. Desauga no Miño polo lado dereito entre Santa Isabel e Caboi. Percorre 6 km por terras do concello de Outeiro de Rei, dos cales 3,5 km fan de límite co veciño concello de Begonte (parroquia de Uriz). O Ladra no seu tramo final antes de xuntarse ao Miño tamén forma pequenas insuas.
Río Narla
Percorre 7 km polo concello de Outeiro de Rei (parroquias de Vicinte e Parada), facendo de límite primeiro co concello de Friol (1,5 km) e despois co de Lugo (1 km). Desemboca no río Miño polo seu lado dereito, dentro do termo municipal de Lugo (parroquia de Ombreiro).
A eles debemos engadir outras correntes menores de auga:
Rego de Santa Marta
Discorre pola zona central sur do concello e despois xira en dirección noroeste para desembocar no río Miño polo seu lado esquerdo, un pouco máis abaixo do muíño de Santa Isabel, facendo de límite natural entre as parroquias de Outeiro de Rei e Robra (aquí recibe o nome de Río Pequeno). Ten a súa cabeceira en varios regatos que se xuntan á altura de Bonxe. Percorre as parroquias de Bonxe, Silvarrei, Guillar, Robra e Outeiro de Rei. Á altura de Robra, no punto en que recibe as augas do Regato do Cepelo, o Rego de Santa Marta pasa a denominarse Río Pequeno, nome co que se coñece o seu último tramo antes da desembocadura no Miño.
Rego do Porto do Pres
Flúe pola zona occidental do concello (parroquias de Candai, Aspai, Francos e Martul). Desauga no Ladra pola súa marxe dereita.
Outros regos e regatos que podemos atopar no municipio son:
- Rego do Porto de San Tomé (San Tomé de Gaioso)
- Rego da Lama (Santiago de Gaioso, San Tomé de Gaioso)
- Rego Dongrandío (Santiago de Gaioso, San Tomé de Gaioso )
- Rego de Piñeiro (Guillar)
- Rego do Lamafría (Folgueira, Cela, Taboi)
- Rego Pedragoso (Santa Mariña, Matela, Cela)
- Regato de Fiar (San Lourenzo de Aguiar)
- Regato de Bullas (Arcos e Sobrada)
- Rego de Batán (Martul)
- Rego de Province (Aspai, Vicinte, Francos, Martul)
- Regato dos Fornos (Bonxe)
- Regato das Chairas (Candai, Vicinte)
- Regato de Carballosa (Castelo e Vilela)
- Regato do Regueiro (Cela)
- Regato do Pazo (Mosteiro)
- Regato de Barciela (Outeiro de Rei)
- Regato de Moreiras (Paz, San Clodio)
- Rego Porto do Vao (Paz)
- Regato de Piñeiro (Robra)
- Regato do Corvo (Sobrada)
- Regato do Cepelo (Robra, Outeiro de Rei)
- Regato de Barciela (San Xoán de Outeiro de Rei)
Orixinarias, na maioría dos casos, destes arroios son as abundantes fontes, algunhas con lavadoiros, dispersas polo concello. Entre elas cómpre destacar:
A Fonte de A Pinguela, coñecida tradicionalmente como Fonte da Picha, sitúase en Santa Mariña de Outeiro de Rei a carón da Ponte Vella de Rábade, na beira do antigo Camiño Real. De acordo á información dos libros de actas municipais do Concello (Arquivo Municipal de Outeiro de Rei) a súa construción é anterior ao ano 1920, xa que na acta da sesión ordinaria de 3 de xaneiro dese mesmo ano (1920) cítase un gasto de 266 pesetas 75 céntimos pola reconstrución desta fonte. (Legajo 4, Serie 129, Folio 44).
A Fonte dos Cochizos en Santa María, presenta unha inscrición onde se eloxian as calidades milagrosas da súa auga para a curación dos cativos que teñan cochizos (bostelas típicas que saen nos beizos pola febre) ou calquera outra ferida na boca, e incluso problemas de pronunciación; potestade que lle concedeu, segundo contan os maiores, o bispo ao bendicila.
A inscrición reza:
Fai moitos anos, nesta fontiña,
traían aos
cativos que tiñan
algún mal na boca, talexos
e fregábanlles
na boca cun lenzo mollado
nesta auga milagreira,
9 veces, 9 Padrenosos, 9
días,
pregándolle aos Santos que curaran o mal.
Por último, a abundante rede hidrográfica propiciou a presenza de pontes neste municipio; pontes como a Ponte Colgante de Parada ou a ponte sobre o Miño (Santa Mariña) construída entre o 1789-1802 sobre os cimentos dunha ponte medieval da que só se conservan os arcos.