Clima
O clima é oceánico, aínda que con certos trazos de continentalización, debido ao afastamento do mar e ao illamento provocado polos cordais montañosos que rodean á Terra Chá lucense. Isto tradúcese na presenza de precipitacións abundantes, baixas temperaturas invernais, frecuentes xeadas, néboas e veráns frescos.
A temperatura media anual oscila entre os 10º C e os 13º C, correspondendo ás temperaturas máis baixas (5º C – 6º C) aos meses de decembro, xaneiro e febreiro, nos que se alcanzan con frecuencia mínimas absolutas nocturnas por debaixo de 0º C.
As temperaturas máis altas (17º C – 18º C) danse nos meses de xuño a agosto, o que non exclúe a presenza esporádica de máximas absolutas que poden chegar aos 30º C – 35º C.
As precipitacións anuais sitúanse nos 1000 mm. Aínda que parece unha cifra importante, ditas chuvias concéntranse no inverno mentres que escasean no verán o cal provoca, especialmente no sur do concello, un déficit hídrico que pode abarcar 6 meses (de abril/maio ata setembro).