O Concello de Outeiro de Rei acollerá o venres 15 de outubro, no salón de actos da Casa da Cultura ás 19:00 h, unha sesión da campaña TOPONIMÍZATE impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega (RAG).
Con este proxecto pretendese acadar unha información moi valiosa sobre a historia do galego falado nas diferentes contornas e sobre os modos de vida dos nosos antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros.
Nesta charla, aberta á participación de todas as persoas interesadas, trataranse entre outros temas sobre a importancia e a riqueza da toponimia galega como patrimonio inmaterial; os motivos da abundancia de topónimos no noso país e as causas polas que se están perdendo nos últimos tempos; como achegar novos topónimos o corrixir os rexistrados no visor de topónimos existe na plataforma colaborativa GALICIA NOMEADA.
Esta charla será impartida polo responsable de Toponimia da RAG, Vicente Feijoo Ares.