Onte celebrouse no Concello presidida polo alcalde, José Pardo Lombao, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Vigo, a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero do Concello de Outeiro de Rei (MLC) á que acudiron a práctica totalidade dos seus membros. Nesta convocatoria, incorporouse como membro da mesma a Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Outeiro de Rei.
Nesta ocasión foron presentados os protocolos de actuación adaptados a varios dos ámbitos que forman a Mesa e a este municipio en particular, en concreto presentáronse protocolos para o CEIP, IES, EIM, Centro Médico e Concello, protocolos que con pequenos cambios froito das diferentes achegas d@s técnic@s participantes na MLC, quedarán operativos en breve para ser aplicados en casos de detección dalgunha situación de violencia de xénero e axudarán a que exista unha maior coordinación entre os diferentes órganos e axentes implicados na intervención e no asesoramento de violencia de xénero e ao coñecemento dos servizos implicados nesta loita intentando paralelamente mellorar as actuacións en materia de prevención.
Por outro lado, acordouse na medida do posible, incorporar a actividades, cursos e incluso ás novas contratacións que o Concello de Outeiro de Rei realice pequenas charlas de concienciación e sensibilización co obxectivo de traballar na concienciación e prevención desta lacra.
Igualmente, para facilitar o traballo da Garda Civil e mellorar a atención ás vítimas en casos concretos de violencia de xénero que se precisen a xuízo das persoas profesionais deste Corpo que atendan o caso concreto que motive a petición, dende o Concello se procederá a realizar os trámites necesarios para poñer en marcha acordos de colaboración con taxistas e establecementos que ofrecen aloxamento no municipio co obxectivo de facilitar aloxamento ou traslados de urxencia ás vítimas; tamén, nestes casos concretos se facilitara no caso de existir menores, o acceso aos servizos da Escola Infantil e do servizo de conciliación para solventar necesidades puntuais de deixar @s fill@s atendidos dentro dun procedemento aberto que pode motivar por exemplo ter que acudir a un servizo sanitario, ir ao xulgado facer unha declaración, etc.
Finalmente, con motivo da conmemoración do 25N, o Concello de Outeiro de Rei ten previsto editar un folleto de concienciación-sensibilización que enviará aos fogares do municipio e que tamén estará dispoñible para que poida ser utilizado/difundido nos diferentes ámbitos representados na MLC.