Recentemente, o Concello de Outeiro de Rei recibiu a resolución da Consellería de Emprego e Igualdade de concesión dunha axuda por importe de 346 946,00 para a realización do proxecto de obradoiro dual de emprego denominado Santa Isabel IV que se desenvolverá nos municipios de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito.

A solicitude de subvención para a posta en marcha do mesmo foi realizada conxuntamente polos citados Concellos, sendo tramitada nesta ocasión polo Concello de Outeiro de Rei, promotor do obradoiro.

O obradoiro dual de emprego Santa Isabel IV é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou de interese social.

Para este obradoiro, serán seleccionados un total de 20 alumn@s-traballador@s desempregad@s; 6 para Outeiro de Rei e 7 para cada un dos concellos restantes. Todas estas persoas estarán contratadas durante nove meses cun contrato de formación e aprendizaxe.

A selección de persoas beneficiarias realizarase previa oferta á oficina de emprego Lugo Sur (no caso dos concellos de Outeiro de Rei e de Castro de Rei) e á oficina de emprego de Vilalba (para o caso das persoas demandantes de emprego de Cospeito).

Recomendase ás persoas que estean interesadas, que manifesten á maior brevidade nas súas respectivas oficinas de emprego o seu interese en participar na selección.

As especialidades formativas que está previsto se impartan en cada concello son as seguintes:
CONCELLO DE OUTEIRO DE REI
ADGG0508 Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos
IMST0109 Produción fotográfica; deste certificado soamente se impartirá o módulo MF0928_2:Tratamento de imaxes dixitais
Certificado de profesionalidade de nivel 1 que se combina cun módulo do certificado de Produción fotográfica de nivel 3.

CONCELLO DE CASTRO DE REI
MAMD0202 Traballos de carpintería e moble
MAMD0109 Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble
Ambos certificados de profesionalidade son de nivel 1.

CONCELLO DE COSPEITO
EOCB0109- 0peracións auxiliares de revestimentos continuos de construción
Certificado de profesionalidade de nivel 1.

Todos os alumn@s-traballador@s deberán cumprir os requisitos sinalados no Real decreto que regule os respectivos certificados de profesionalidade que se impartirán en cada concello e os demais requisitos esixidos nas bases para a selección das persoas traballadoras participantes neste obradoiro que proximamente se farán públicas.

Igualmente nas próximas datas realizarase oferta para cubrir os postos de persoal directivo, docente e administrativo/a deste obradoiro de emprego.