O Concello de Outeiro de Rei levou a cabo nos meses de maio e xuño diferentes actividades para traballar a igualdade e os hábitos saudables entre a poboación máis nova.
Dentro do Programa Educando en Igualdade en Outeiro de Rei no mes de maio desenvolvéronse obradoiros de promoción da igualdade no CEIP Laverde Ruiz que abarcaron todas as etapas educativas dende infantil ata primaria. Estes obradoiros levados a cabo por Noelia Darriba da Cooperativa Ás do Social, abordaron diferentes temáticas en función da idade do alumnado.
Para os cursos de educación infantil traballouse a través dos contos os estereotipos e roles de xénero, fomentando o xogo en igualdade e o respecto polas diferentes características persoais.
Nos cursos de 1º e 2º de Educación Primaria (EP) traballouse a creatividade e imaxinación á hora de construír finais alternativos en contos para rachar cos estereotipos e roles de xénero.
En 3º e 4º de EP procurouse analizar os medios de comunicación dende a perspectiva de xénero e identificar o sexismo na publicidade. É por último, nos cursos de 5º e 6º de EP os obradoiros enfocáronse a traballar sobre os cambios físicos e emocionais e na aceptación da diversidade nos corpos, gustos, expresións, etc.
Os obradoiros de igualdade foron valorados positivamente polo centro educativo e en moitos casos o profesorado participou nas actividades levadas a cabo considerando fundamental abordar estas temáticas co alumnado.
No mes de xuño, dende o Servizo de Prevención de Condutas adictivas levouse a cabo unha actividade dirixida á infancia que participa no servizo de conciliación familiar do Concello de Outeiro de Rei co fin de promover hábitos saudables entre nenos/as. A actividade realizada o 23 de xuño consistiu nun obradoiro de bebidas saudables e as nenas e nenos puideron realizar e degustar diferentes bebidas elaboradas principalmente con froitas, podendo así experimentar e gozar con sabores e texturas ademais de ver estas bebidas como alternativa a outras máis industriais e menos saudables.