Dende o pasado ano, o Concello de Outeiro de Rei leva desenvolvemento varias actuacións co obxectivo de dar a coñecer a actividade resineira entre a súa poboación (xornadas informativas, demostracións prácticas na feira de artesanía e  visita a explotacións resineiras de Loiba e O Vicedo).

Como continuación a este plan de achegamento a esta actividade, e dado que dende o punto de vista socioeconómico as posibilidades do noso Concello para desenvolver o aproveitamento da resina son elevadas e paralelamente detectouse certo interese por parte da cidadanía, tanto de cara a adquirir un maior coñecemento sobre este aproveitamento como de cara a implantalo nos montes da localidade, o Concello de Outeiro de Rei organiza un CURSO SOBRE TÉCNICAS DE APROVEITAMENTO RESINEIRO.

Este curso terá lugar, sempre que exista demanda suficiente, os sábados comprendidos entre o 23 de marzo e o 13 de abril de 2019, en horario de 10:00 h a 14:00 h; a parte teórica realizarase no Centro Cultural de Robra estando previsto que as sesións prácticas teñan lugar en fincas do municipio.

Para este curso ofértanse 12 prazas que serán cubertas por orde de solicitude, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Outeiro de Rei. A cota de inscrición é de 30 € e deberá facerse efectiva antes do inicio do curso.

As persoas interesadas poderán recibir máis información ou realizar a inscrición do 4 ao 15 de marzo no propio Concello, no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local ou chamando ao 982 393 382, en horario de 9:00 h a 15:00 h.