Hoxe ás 12:00 h tivo lugar no Concello de Outeiro de Rei a presentación do I TORNEO DE PÁDEL DE COLEGIOS SANITARIOS LUCENSES nun acto presidido polo alcalde, José Pardo Lombao, que contou coa presenza de José Manuel Vázquez, presidente da Asociación Somos, Manolo Cadramón, xefe provincial do Servizo de Deportes de Lugo, Sonsoles López, responsable da área de Promoción Económica e Social da Deputación Provincial de Lugo, Begoña Seco Varela, xefa territorial da Consellería de Sanidade en Lugo e concelleira de Cultura no ente municipal e Pablo Real en representación do Centro Deportivo D10 .

As institucións citadas colaboran neste torneo, ademais doutros entes e empresas, un torneo que se celebrará no Centro Deportivo D10 dende o mércores día 1 de maio ata o sábado 4 de maio e que está organizado por todos os Colegios Sanitarios Lucenses co obxectivo principal de recadar fondos para a Asociación SOMOS Unidos por el Cáncer.
As inscricións realizaranse a través do Centro Deportivo D10, contactando no tlno. 982 986 035 ou mediante as redes sociais, antes do 26 de abril.

O custe de inscrición é de 50 € parella de adultos e 30 € parella de menores participantes da categoría Sub-15.

As inscricións faranse na conta:

ES04-3070-0030-1761-3812-7326 de Caixa Rural
Beneficiario: Asociación Somos unidos por el Cáncer
Concepto: Pádel e nome e primeiro apelido dos dous membros da parella participante

Crearase unha Fila 0 onde o público asistente poderán facer as súas doazóns.

Os participantes recibirán un pack de benvida valorado en máis de 30 € e entrarán no sorteo dunha viaxe de fin de semana para dúas persoas a Alacante.

O sábado 4 de maio celebraranse as semifinais e finais do torneo e a entrega de premios nunha xornada festiva na que haberá inchables, animación para nen@s, DJ e sorteo de regalos para rematar coa degustación dunha paella.

Dende o Concello queremos animar á participación neste evento a todo o mundo, independentemente da súa destreza neste deporte, xa que o fundamental é a solidariedade que se pretende con esta actividade que une os valores do deporte coa colaboración con todas aquelas persoas que dun xeito ou outro padecen esta enfermidade.

– Descargar cartel