O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e a ADL municipal realizaron este venres pasado a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2024.
Finalizada a presentación abriuse o prazo de inscrición ata o día 27 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:
⇒ TAICHI (♀)
O taichi é unha disciplina milenaria que ofrece relaxación, reduce o estrés e a ansiedade, á vez que mellora a flexibilidade do corpo e o equilibrio da mente. Coñécese como ‘meditación en movemento’ e conta con moitos seguidores que atoparon grandes beneficios para a saúde, tanto mental como física. Esta actividade, que se propón por segundo ano, será impartida polo especialista WANG TIELING nos meses de marzo a maio.
⇒ HORTO ECOLÓXICO:NOCIÓNS PRÁCTICAS * (♀)
Persoal técnico da empresa Nuevos Jardines serán os encargados de impartir esta formación a partir do 14 de marzo. Este curso orientarase a conseguir de maneira o máis doada posible un horto familiar, onde cultivar hortalizas para consumo propio.
As participantes aprenderán a:
- Crear e manter o seu propio horto familiar
- Conservar e fomentar a creación de solo fértil para o horto.
- Utilizar en cada momento as técnicas de cultivo máis adecuadas sen o uso de produtos tóxicos e contaminantes
- Controlar pragas e enfermidades de maneira biolóxica
- Producir alimentos de gran calidade nutricional
⇒ COCIÑANDO AS RECEITAS DAS NOSAS AVOAS * ( ♀ /♂)
Curso que será impartido por Maribel do Soborvila. Esta iniciativa está dirixida a homes e mulleres do municipio; no curso realizaranse diferentes pratos de cociña galega inspirados nas receitas das nosas avoas. Inclusive, está previsto que as persoas que asistan ao mesmo poidan deixar algunha receita recollida nas súas casas, receitas que poderían ser difundidas a través da web do Concello.
⇒ RECICLAXE E RESTAURACIÓN DE MOBLES* (♀)
Taller impartido polo artesán José María Castro Neira.
O obxectivo do mesmo é acadar técnicas de traballo que permitan dar un novo aire ou recuperar o aspecto dun moble antigo ou deteriorado ensinando as diferencias entre restaurar e reciclar. Se trata de recuperar mobles ou outras pezas que o precisen para poder darlles uso, tanto restaurando da maneira fiel pezas antigas como renovando, reciclando e transformando outras que polo seu estado ou estética precisan dun cambio.
Por outro lado, con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER o 8 de marzo o Concello de Outeiro de Rei presentará ese dia o vídeo ÁS QUE TANTO NOS DAN_ CONCELLO DE OUTEIRO DE REI, implicando a nenos e nenas do servizo de conciliación familiar do Concello que serán os encargados a través das súas mensaxes e comentarios de facer unha homenaxe ás mulleres coas que comparten o seu día a dia.
Este vídeo está previsto se realice nestas datas pola empresa outeiresa de comunicación BuleBule.
A programación prevista para 2024 completarase, xa no segundo semestre do ano, coas actividades:
DE FEIRA Á FEIRA DA CERÁMICA DE PONFERRADA e ás Festas da Encina e á Feira Medieval; OBRADOIRO DE CERÁMICA; taller de MACRAMÉ E TEAR DE BASTIDOR e con motivo da celebración do 25 N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Ademais, o propio día 25 de novembro, está previsto un obradoiro de educación emocional.
Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.
Pódese acadar máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura de Outeiro de Rei ou no tfno.: 982 393 408.