O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo e técnica de Desenvolvemento Local do Concello, realizaron o venres a presentación das Actividades de Promoción da Muller 2026.
Finalizada a mesma procedeuse ao sorteo dunha cesta con produtos de proximidade, recaendo o premio en Marisa Núñez Ceide.
Seguidamente, abriuse o prazo de inscrición ata o día 20 de febreiro para as seguintes actividades programadas para o primeiro semestre do ano:
CURSO DE BIXUTERÍA BOTÁNICA
A programación arranca este ano cun curso de bixutería botánica, impartido por unha artesá que se adica a esta actividade. Inicialmente se facilitarán coñecementos sobre a recolección e prensado de flores para despois utilizalos na creación dunha foto ou ilustración con flores e na creación de diferentes pezas de bixutería: colar ou broche, pendentes e anel.
DE FEIRA A BIOCULTURA A CORUÑA
Feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos
Biocultura a Coruña está considerada como a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo máis grande do estado, celebrarase en marzo de 2026 en ExpoCoruña. Reunirá a máis de 150 expositores dedicados aos sectores de alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), ecoturismo, cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar, eco-estilo de vida, artesanías e ONG's. Paralelamente á exposición celebraranse máis de 150 actividades distribuídas en 6 salas. Durante a mesma celebrarase o festival de Ioga do Noroeste, no que pode participar calquera persoa que o desexe, a tal fin habería que levar roupa cómoda e esterilla.
Esta viaxe está programada para o día 7 de marzo.
CHARLA SOBRE EMPRENDEMENTO FEMININO
Nesta charla, prevista para o día 12 de marzo, falarase das axudas da Consellería de Emprego, IGAPE e outras axudas ao emprendemento e amosaranse boas prácticas de emprendemento feminino no rural.
HORTO ECOLÓXICO: NOCIÓNS PRÁCTICAS
(preparación e organización do terreo, tratamento de enfermidades…)
Curso que realizaremos a través da empresa SMART HORTICULTURE SL, empresa asentada na parroquia de Arcos que explota un viveiro hortícola; esta empresa será a encargada de impartir esta formación a partir do 10 de marzo. Este curso orientarase a conseguir de maneira o máis doada posible un horto familiar, onde cultivar produtos para consumo propio tratando temas como a preparación do terreo, a planificación do espazo, a obtención e conservación de sementes autóctonas, o abonado ecolóxico, boas prácticas de compostaxe, construción dun pequeno sistema de rego, prevención de pragas e enfermidades…
CURSO CON VIMBIO VIVO: CREACIÓN, PODA E MANTEMENTO DE ESTRUTURAS DE XARDÍN
Curso intensivo de 12 h repartidas nos días 27 e 28 de marzo, impartido en Cela pola cesteira IDOIA CUESTA no se se vai a introducir ás participantes no proceso da cestería, neste caso con vimbio vivo aplicado á xardinería.
Dentro dos contidos do curso tratarase a poda, a selección do vimbio, a preparación
de pugas, as técnicas de plantación e a preparación do solo en xardíns, técnicas de plantación en maceta e diferentes técnicas de tecido de sebes utilizando este material.
As participantes poderán levar pugas para plantar e tamén unha estrutura tecida nunha maceta con vimbio creando un efecto decorativo.
Recoméndase levar roupa de traballo adecuada e guantes.
RECICLAXE E RESTAURACIÓN DE MOBLES
Taller impartido por José María Castro Neira a partir do 17 de abril. O obxectivo do mesmo é acadar técnicas de traballo que permitan dar un novo aire ou recuperar o aspecto dun moble antigo ou deteriorado ensinando as diferencias entre restaurar, reciclar e rehabilitar. Se trata de recuperar mobles ou outras pezas que o precisen para poder darlles uso, tanto restaurando da maneira fiel pezas antigas como renovando, reciclando e transformando outras que polo seu estado ou estética precisan ou queremos darlles un cambio.
COCIÑA SAUDABLE
Esta iniciativa está dirixida a homes e mulleres do municipio e será impartida por unha gran amante da cociña e de transmitir os seus enormes coñecementos sobre a mesma, Maribel do Soborvila; no curso realizaranse a partir do 20 de abril diferentes pratos de cociña co obxectivo de fomentar unha alimentación saudable que axudará a manternos sans, sentirnos ben ademais de previr enfermidades.
Por outro lado, con motivo da celebración do DIA INTERNACIONAL DA MULLER o 8 de marzo, o Concello de Outeiro de Rei presentará ese dia o vídeo 8M_8 MULLERES EMPRENDEDORAS NO RURAL _ CONCELLO DE OUTEIRO DE REI.
Con este vídeo se quere recoñecer a importancia da muller emprendedora no rural, onde as dificultades para emprender son maiores que en ambientes urbanos e o importante papel que desempeñan ao actuar como importantes motores de dinamización da economía local, moitas veces, con propostas innovadoras, e inclusive, axudando a fixar poboación.
A programación prevista para 2026 completarase, xa no segundo semestre do ano, coas actividades:
OBRADOIRO DE CERÁMICA (creación de pezas decorativas e de utilidade para Samaín, Nadal…); COMPETENCIAS DIXITAIS BÁSICAS (comercio electrónico, sinatura electrónica, aplicacións para móbiles…) e con motivo da celebración do 25 N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, ANDAINA POPULAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO e a charla, PREVENCIÓN, DETECCIÓN E PAUTAS DE ACTUACIÓN EN CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO.
Lembrar que na web municipal outeiroderei.gal existe un enlace ao CORREO DA IGUALDADE no que a través dun formulario ao que se pode acceder dende a web municipal as persoas que o desexen poderán realizar as súas achegas ou suxestións en materia de igualdade.
Coma sempre, as actividades previstas para mulleres nas que non se cubran as prazas ofertadas poderán ser cubertas por homes.
Pódese recibir máis información ou realizar as inscricións na Casa da Cultura ou no tfno. 982 393 408.
Descarga o programa
Descarga a ficha de inscrición
Accede ao correo da igualdade

