A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Xunta de Galicia, asignou ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo un total de 566.989,26 euros para apoiar o desenvolvemento de diversos proxectos dentro da actual convocatoria do programa Leader.
O 79,25% da cantidade total —concretamente 449.339,26 euros— estará destinado a proxectos de carácter produtivo, que se leven a cabo en calquera dos municipios que conforman o GDR Comarca de Lugo, que son Rábade, Friol, Outeiro de Rei, O Corgo, Castroverde, Guntín e as parroquias rurais do de Lugo.
En canto ás demais partidas, o 17,64% do orzamento —100.000 euros— destinarase ao apoio de iniciativas non produtivas que estean impulsadas por entidades públicas, mentres que o 3,11% restante —17.650 euros— será para apoiar proxectos non produtivos postos en marcha por entidades privadas.
Desde o GDR Comarca de Lugo lembran que calquera persoa ou entidade interesada en beneficiarse destas axudas ten de prazo ata o próximo día 31 de xaneiro para formalizar as súas solicitudes. Estas deben presentarse nas propias oficinas do GDR, situadas no número 14 da Rúa Deputación, en Friol.
Mais información: Folleto informativo convocatoria axudas Plan LEADER