Izado da Bandeira Verde en Outeiro de Rei

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias Fouz, e o alcalde, José Pardo Lombao, participaron no izado da bandeira verde na Praza do Concello, xunto á Casa Consistorial, distintivo que o Concello de Outeiro de Rei acada por segundo ano consecutivo e que foi outorgado recentemente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Igualmente, tal e como estaba previsto, durante a mañá desenvolveuse a campaña de fomento da compostaxe doméstica coa realización dunha charla formativa celebrada no Concello e coa atención de consultas sobre o tema e a recollida de solicitudes para o reparto gratuito de 50 composteiros domésticos; na xornada houbo un total de 36 solicitudes.

Esta campaña está financiada con fondos europeos Next GenerationEU da Unión Europea, a través da Xunta de Galicia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e polo propio Concello de Outeiro de Rei.

A xornada completouse coa inauguración da exposición itinerante As paisaxes da auga, que promoven conxuntamente os concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei para promocionar os seus espazos naturais, campaña subvencionada a través do Fondo de Compensación Ambiental.