Petroglifos

Período Calcolítico (3000 – 2000 a.C. aprox.)

Destacan:

PETROGLIFOS DE PENA SERRADA (ASPAI) – BIC DE GALICIA

Situación: 43.076550, ‐7.661679

Declarados BIC de Galicia (DOG nº 147, do 03/08/2017). Localizados nun afloramento granítico de considerables dimensións, situado a máis de 500 metros de altitude, moi afectado pola acción erosiva e os incendios forestais. No seu extremo oeste hai unha combinación circular formada por 3 círculos concéntricos e 1 cazoleta central; o diámetro é de 15 cm, os relevos aparecen moi desgastados, apenas perceptibles por causa da acción erosiva. Na parte central do afloramento hai un grupo de 15 cazoletas ou coviñas de tamaño variable, entre 3 e 10 cm de diámetro. Tamén aparecen varias incisións con forma de ferradura. A tradición popular di destas últimas que son as pegadas que deixou o cabalo de Santiago, cando o Apóstolo pasou por estas terras. As coviñas e os círculos concéntricos poderían datarse na Idade do Bronce e as ferraduras quizais en época medieval.

GRAVADO DA MEDORRA DE ACEVEDO (PARADA) – BIC DE GALICIA

Situación: 43.077869, ‐7.648442

Declarado BIC de Galicia, gravado realizado nun dos esteos do dolmen, trátase dunha figura antropomorfa de tipo esquemático formada por un círculo superior (a cabeza) do que parte unha raia vertical (tronco) e unha semicircunferencia que a cruza (brazos).